Está o tempo para xoldas pero sempre que teñan mala baba. Está o tempo  para carnavais pero só se a esmorga vale para desenmascarar aos que  levan máscara, aínda que non o pareza. O deus Momo tomou posesión onte  do seu trono no Obelisco para vixiar que as festas máis carnívoras da  Coruña non se esquezan de que de que hai que aproveitar que, por uns  días, a cidade ten patente de corso e pode pedir o exilio de todo o que  lle fai mal. "Hai que botar os desgustos, hai que botar o meigallo, hai  que botalos", proclamou o rei do Entroido. 
O Momo é este ano un  Merlín con sardiña e porco, que abandona os motivos críticos e de  actualidade doutros tempos no seu deseño, e convírtese nun mago  preocupado por "romper o meigallo do ano que mal comezou". "Bruxas e  meigas, fóra das miñas leiras", berrou a efémera divinidade, que deixará  de existir o mércores en San Amaro pero que xestiona o seu reinado de  cinco días con moita intensidade. 
"Crece o paro e os recortes e  recortan o que crece", versou don Carnal coma un indignado, que protesta  polos políticos tortos, polo "II ano mariano", polo euro por receta e  porque "antes ías ao mercado a comprar chourizos e agora son os  chourizos os que gobernan os mercados". "Miña nai e miña tía, como anda a  monarquía", lamentou entre xeques e odaliscas, elvis dourados,  cazadores con coroa de safari en África e até a raiña da Gran Bretaña  coa súa garda real. Invitou o Momo a "poñer o mundo ao revés". "¡Durmide  de pé ou mellor non durmades, facede o que diga o corpo, que o corpo  sabio é!".  |